Como todos os anos, o Concello de Melón , súmase á conmemoración do 8M – Día Internacional das Mulleres, reafirmando o seu compromiso coa igualdade de xénero en todos os espazos da vida política e social local.
Aínda que recoñecemos os avances, queda moita labor que desenvolver ata conseguir que a sociedade sexa un espazo onde a igualdade sexa unha realidade polo que é preciso abordar tanto as barreiras estruturais como as actitudes e percepcións que perpetúan a discriminación e garantir que todas as persoas accedan ás mesmas oportunidades.
O compromiso do Concello de Melón pasa pola promoción da participación das mulleres na vida política e social local, mediante accións de sensibilización, capacitación e fomento do empoderamento feminino e, por suposto, pola incorporación da perspectiva de xénero de forma transversal en todas as nosas políticas, garantindo que se tomen en conta as necesidades e a realidade específicas das mulleres e das nenas nas nosas accións.
Consideramos imprescindible seguir impulsando campañas de prevención e sensibilización contra a violencia de xénero, e a través do “Programa de Empoderamento da Muller” como recurso específico do Concello de Melón para a promoción da igualdade e a loita fonte a violencia de xénero, continuar dando apoio integral ás mulleres do rural e traballando na erradicación da desigualdade de xénero.
Dende o Concello de Melón amosamos o noso firme compromiso coa igualdade, a través do deseño, elaboración e apoio de todas as políticas públicas necesarias para mellorar a vida das mulleres do noso concello. Debemos seguir traballando na consolidación dos avances sociais en materia de igualdade tendo como horizonte unha sociedade máis feminista, xusta e igualitaria.
Por todas e para todas, este é o voso día!